31 de maio de 2016

 CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA



Non quero pechar este mes de maio sen antes lembrar  que hai cen anos  se creou na  Coruña  a organización galeguista " Irmandades da Fala". Alicerces plantados por Antón Villar Ponte e  cuxo
obxectivo principal era a exaltación e dignificación do idioma galego, así como a expansión do seu uso.

Galicia é definida como unha nación, un país con raza, lingua, territorio, historia, institucións e cultura.   Os integrantes da mesma,  tamén consideran que a lingua galega é un dos principais trazos individualizadores de Galicia. 

Para máis información preme aquí ou aquí.

9 de maio de 2016

As letras galegas (traballo de alumnas de 3º ESO A)

Os alumnos de 3º de ESO levan xa días traballando o "Día das Letras Galegas 2016" mediante diversas actividades. Como sabedes, este ano está adicado ao poeta Manuel María.

Hoxe presentámosvos a animación que fixeron tres alumnas de 3º A: 
Lúa Fiz Valencia, Ana González Míguez e María González Nóvoa







Se queredes velo con mellor calidade, premede na seguinte ligazón:
Animación: As letras galegas

17 de abr. de 2016

Semana adicada ao día do libro

O galego é a raigame e a semente. O sucalco da terra e a lentura. O cerne que nos ergue e nos axunta nesta Terra sen patria, na tenrura.
A fala ecoa en nós dende os antergos, batendo o noso sangue polas veas dun mar enxebre Atlante que nos leva aos soños que nalgures serán certos.
Falar galego é de lei para os ben nacidos. É amar o que nos compre. Acaroar aos fillos ata que sexan homes!
Falar o que falamos dende que somos nados. Delongar a espranza de alentar o berce.
Falar coa voz dos mortos, emprestada, a cada saiva nova, abrir a ollada rexa dos nosos devanceiros, eternamente vivos!

Iolanda Teijeiro Rey

 

23 de abril " DÍA MUNDIAL DO LIBRO"

 

 O 23 de abril é un día simbólico para a literatura mundial, xa que neste día e no ano de 1616 faleceron personalidades como Cervantes, Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega. Igualmente conmemórase o nacemento ou morte doutros autores importantes como Maurice Druon, Haldor K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla e Manuel Mejía Vallejo. Por iso a Conferencia Xeral da UNESCO que se celebrou en París en 1995, acordou celebrar nesta data o Día Mundial do Libro para render unha homenaxe universal aos libros e autores.
Como cada ano nestas datas, a  Asesoría de Bibliotecas de Galicia reparte entre as bibliotecas uns marcapaxinas para conmemorar este día. Nesta ocasión,  cun texto de Pedro Feijoo titulado Os libros son para valentes, do que copiamos este fragmento:
"...eu tamén sei que para cada un de nós hai un libro.Un que nos explicará como é que funciona isto de vivir, como se sae adiante, como se avanza. Ou polo menos como poñerlle o rabo as cereixas...
Para todos hai un libro. Ou dez.Ou mil.Outra cousa é que esteamos dispostos a abrilos.Que me dicides, valentes,atrevédesvos?

 


3 de abr. de 2016

Castelao, protagonista do Día das Artes Galegas ( 1 de abril)

Por que o 1 de abril?
A imaxe e semellanza do Día das Letras, a Real Academia Galega de Belas Artes escolleu o 1 de abril para homenaxear aos artistas galegos en memoria desa mesma xornada do ano 1188, data na que se asentaron os dinteis do Pórtico da Gloria polo Mestre Mateo. O sistema de elección é similar ao da RAG, podendo elixir soamente a artistas que leven mortos un mínimo de 10 anos.

A Real Academia Galega de Belas Artes comenmorou o Día das Artes Galegas  adicando este ano á  figura de Castelao cun acto institucional celebrado no Museo de Pontevedra.



Na súa intervención, o presidente da institución, Manuel Quintana Martelo, destacou a "enorme e innegable" trascendencia  social, política e  artística de Castelao, sen a cal, sinalou, "non poderiamos entender a Galicia actual".
A obra do intelectual de Rianxo, segundo Quintana Martelo, "axudou ao debate, a crear criterios vixentes aínda hoxe no noso ámbito social e político, como fundamental argumento do noso país", por medio do seu grande poder de  comunicación,a súa "intelixente" retranca,o  seu traballo para renovar tradicións e "fundamentalmente" a través do debuxo, a estampa e  a seriación.


Co fin de sacar a luz a abundante e polifacética obra de Castelao a RAGBA promove outras dúas exposicións: unha do “Castelao grafista” no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) de Santiago e outra sobre o “Castelao editor”, que viaxará polos 90 institutos Cervantes do mundo.


Podes ver máis pinturas de Castelao no seguinte enlace:

http://www.museo.depo.es/coleccion/catalogo.castelao/ga.03110000.html

8 de mar. de 2016

"Galicia, en los 70, era dura, por eso le iba bien el blanco y negro"

 

Anna Turbau

Así titula o xornal ourensán La Región, un artigo onde recorda a situación da Galicia na metade dos 70, através da mirada da fotógrafa catalana Anna Turbau, que hoxe, 8 de marzo, e coincidindo co Día internacional da muller traballadora, dará unha conferencia no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense baixo o título: "No hace tantos años...".
A conferencia contará tamén cunha exposición de fotografías, nas que non só amosa a dura realidade da época senón tamén os sentimentos ou emocións dos personaxes que retrata.

Podedes ver o seu traballo na súa web: http://www.annaturbau.com/






6 de mar. de 2016

Manuel María: Poeta comprometido coa fala e con Galiza. 

 


A fala. Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,                                               
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)

Roi Casal canta o poema de Manuel María


A Galicia. Manuel María


Galicia docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
¡Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e maila fala
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!



O  dramaturgo Francisco Pillado, que o acompañou nos seus  últimos momentos, recordaba que Manuel María se definía como "un conversador que escribe cando non ten con quen falar".

Podedes atopar diferentes recursos sobre o autor no seguinte enlace:  

  http://primaveradasletras.gal/manuel-maria-fernandez-teixeiro/