8 de mar. de 2016

"Galicia, en los 70, era dura, por eso le iba bien el blanco y negro"

 

Anna Turbau

Así titula o xornal ourensán La Región, un artigo onde recorda a situación da Galicia na metade dos 70, através da mirada da fotógrafa catalana Anna Turbau, que hoxe, 8 de marzo, e coincidindo co Día internacional da muller traballadora, dará unha conferencia no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense baixo o título: "No hace tantos años...".
A conferencia contará tamén cunha exposición de fotografías, nas que non só amosa a dura realidade da época senón tamén os sentimentos ou emocións dos personaxes que retrata.

Podedes ver o seu traballo na súa web: http://www.annaturbau.com/






6 de mar. de 2016

Manuel María: Poeta comprometido coa fala e con Galiza. 

 


A fala. Manuel María

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,                                               
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

Manuel María (2001). Obra poética completa I (1950-1979) (A Coruña: Espiral Maior)

Roi Casal canta o poema de Manuel María


A Galicia. Manuel María


Galicia docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
¡Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e maila fala
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!



O  dramaturgo Francisco Pillado, que o acompañou nos seus  últimos momentos, recordaba que Manuel María se definía como "un conversador que escribe cando non ten con quen falar".

Podedes atopar diferentes recursos sobre o autor no seguinte enlace:  

  http://primaveradasletras.gal/manuel-maria-fernandez-teixeiro/